Breaking News

Coñecemos a Jacinto: Un compostelán que cada mañá entra e sae do Aeroporto de Lavacolla para aumentar o número de visitantes




Cada mañá, a iso das 10, Jacinto espera pacientemente na praza de Galicia o autobús que vai ao aeroporto cunha maleta baleira. Como cada día, o compostelán afai ir a Lavacolla para entrar e saír pola porta unhas tres ou catro veces. “Houbo días que o cheguei a facer dez veces”, coméntanos o cidadán. A finalidade deste curioso acto é para que aumente o número de visitantes, algo que a Jacinto sempre lle fixo moi feliz. “Cada mañá miro a prensa para ver se hai algunha noticia sobre o tema, e hei de dicir que me encanta cando leo que aumentan as visitas, porque en parte foi grazas á miña”.

A vida de Jacinto non foi fácil, desde os 18 anos foi un emprendedor con moi pouca sorte nos seus negocios. “Abrín varios negocios, un posto no que vendía globos de auga sen auga e unha tenda de abanicos de papel, pero ambos fracasaron, frustrándose así o meu instinto emprendedor”. Actualmente traballa polas tardes nunha tenda de complementos, onde se atopa moi cómodo. “Estou encantado na tenda, sobre todo porque me deixan a mañá libre para poder ir ao aeroporto”.

Este pasado luns saíu a noticia de que o aeroporto da capital de Galicia tivo un ano de récord no que a pasaxeiros  refírese, algo que emocionou a Jacinto: “É certo que este pasado ano cheguei a entrar e saír unha media de 8 veces cada semana, pero nunca me imaxinei que chegásemos a bater un récord, é algo incrible…” comentaba entre bágoas.

Así que, se algunha vez van ao aeroporto e atópanse a un home entrando e saíndo pola porta principal cunha maleta na man esquerda e un café na dereita, non se asusten, xa que se trata de Jacinto facendo o que para el é “o traballo máis bonito que tiven”.


Ningún comentario