Obras Intermodal: Paralizan o izado da pasarela tras atopar dentro a uns mozos facendo botellón
Os traballadores comezaron a desconfiar tras escoitar de fondo un ruído estraño e molesto que resultou ser reggeatón
A pasada noite saltou a sorpresa, xa que tiveron que paralizar o izado da pasarela na nova intermodal de Santiago debido a que dentro dela había un grupo de mozos facendo botellón. Os traballadores levaban unha hora escoitando un ruído molesto que nun principio imaxinaron viña das obras. "Comezamos a escoitar uns golpes estraños e moi molestos pero imaxinamos que era Paco usando o trade". Finalmente, ao ver que o ruído continuaba, decidiron investigar e atoparon dentro da pasarela a un grupo de dez novos escoitando reggaetón a todo volume mentres facían botellón.
Tras varias horas de loita constante e algún que outro copazo por medio, os traballadores chamaron á policía e conseguiron desaloxar aos mozos juerguistas, polo que o izado da pasarela terá que atrasarse un día máis.
Ningún comentario